Ciudad Rodrigo. Teatro e pedra. Murallas abertas á arte.

 

A estrea en castelán de Chíos tiña lugar en terras salmantinas, na Feria de Teatro de Castilla y Leóne alá fomos, con moitas ganiñas de actuar para o público castelá-falante e unha valixa chea de cantadelas, xogos e asubíos.

Que orgullo e que responsabilidade ter sido seleccionadas por esta Feira e representar a Galicia!

Chegamos ao Espacio en Rosa, nun dos impoñentes edificios de Ciudad Rodrigo -lugar que ten a virtude de transportar á xente a outras épocas- cheas de equipaxe e ganas. Grazas ao equipo da Feira e a Daniel Piñeiro, o noso técnico sementeiro, a montaxe foi un pracer, e enseguida sentimos o espazo coma noso. So faltaba o público! Ensaiamos, ceamos, durmimos e… por fin chegou a mañá da estrea. Un pase xeral, entrada dos cativos de Ciudad Rodrigo, as familias, e os programadores cos seus folletos…

E Chíos cobrou vida! Dúas funcións nunha intensa mañá, química entre nolas dúas, retroalimentación cos espectadores, un fío máxico e invisible que creou una enerxía especial e compartida, suor, aplausos e o encontro posterior cos cativos e as familias. Unha boa acollida, fermosas verbas, subidón de adrenalina, entrevista coa televisión de Castela e León, parabéns e recollida.

Que sensación fermosa a do traballo feito sumado á da receptividade dos pequenos e pequenas. Que lindo ver os ollos atentos, as pestanas quedas e o silencio como invisible ser que tamén mira. E tras o “parto”, deixamos de ser actrices para ser espectadoras e gozar da morea de espectáculos, de altísima calidade, que conformaban a Feira: teatro, pasarrúas, paseos nocturnos e experiencias compartidas. Un pracer de semana sementando ledicia!

Teatro da Semente estreouse en castelán, e tivo a sorte de facelo nesa máxico lugar chamado Ciudad Rodrigo. Chegamos con moita ilusión, e marchamos satisfeitas e coas caras ilusionadas do público na memoria. Grazas á Feira, por confiar en nós, á organización e aos técnicos por tratarnos tan ben e facer tan ben o seu traballo e a Urdime polo apoio e o agarimo.