Chíos no Telexornal da Televisión de Galicia

Compartimos, agradecidas, a fermosa reportaxe que nos fixo a Televisión de Galicia, con motivo das dúas representacións de Chíos na Zona “C” de Santiago de Compostela (dous pases que se converteron en tres xa que se esgotaron as entradas para as funcións programadas).

A reportaxe foi emitida no Telexornal Mediodía, o mesmo día das funcións (Domingo, 1/03/2015)

“Chíos” proponlles aos máis pequenos unha viaxe sensorial

Hoxe un grupo de nenos emprenderon unha viaxe polos sentidos. A través da obra “Chíos” varias docenas de bebés puideron descubrir un mundo novo a través do son, o olfacto ou o tacto.

A compañía Teatro da Semente trouxo por un día a Santiago de Compostela unha nova forma de contar historias. A través da poesía sensorial levaron hoxe a bebés de 0 a 3 anos a descubrir outra realidade mediante os sentidos.

“É desenvolver o que é un xogo para descubrir a natureza por primeira vez. Estamos cos nenos que xa nacen cunha tablet debaixo do brazo e queríamos que descubriran a natureza, a nosa terriña galega, terra, árbores…”, comentan Chus Álvarez e Raquel Queizás, actrices da representación.

Os nenos, acompañados polos seus pais, gozaron dunha historia na que un bosque de sons e sensacións era o protagonista.

“Pareceunos moi bonito. Só tes que mirar a cara dos nenos para ver que está moi ben. Creo que a todos lles gustou moito”, “estivo moi simpático, porque a Sofía, que ten dous anos, encantoulle e os máis pequenos estiveron tamén moi atentos. Estivo moi ben, a verdade é que debería de haber máis”, aseguran dúas nais.

A compañía, que repite o éxito do ano pasado, xa esgotou as entradas para as dúas sesións de hoxe.

Fonte: Informativos da Televisón de Galicia.