Cando os contos se deixan de contos ou cando os contos veñen a conto.

 

Compartimos con todos vós un fragmento da fermosa reseña que fixo da nosa obra Gretel e Bela a gran artista multidisciplinar Luz Darriba, no xornal Sermos Galiza do día 14 de outubro de 2017:

O final tedes o enlace o artigo completo, titulado Cando os contos se deixan de contos ou cando os contos veñen a conto.
 
“(…)Mais do que si me gustaría falar no remate é das experiencias positivas, que habelas hainas, do mesmo modo que hai bruxas pero tamén bruxos. E dentro desas maneiras diferentes de entender e axudar ao goce das e dos pequenos está a obra Gretel e Bela dirixida polo Teatro da Semente, coa interpretación de Raquel Queizás e Chus Álvarez sobre un texto de Manuel Lourenzo. Trátase dun traballo que mergulla nos contos da infancia dos que falabamos antes, para cambiar o conto, para derrubar estereotipos, para empodeirar ás nenas, para poñer en valor a igualdade, a amizade, e a colaboración para vencer xuntas ao medo e aos perigos cos que nos atopamos na vida, cos que se atopan precisamente as nenas. Unha posta preciosa, coidada, visualmente impecábel, unha actuación impresionante destas dúas mulleres, e un contido que respecta ás crianzas, que non as inmobiliza, que non as engana. Que lles fala dos verdadeiros riscos aos que se hai que saber enfrontar con intelixencia e coraxe. Sen o edulcorante que ás veces impón o politicamente correcto. Vencendo o medo ao medo. As nenas, Gretel (Hansel e Gretel) e Bela (Bela adormecida), decátanse de que non teñen que agardar a chegada de príncipe ningún porque elas son quen de se apañar e avanzar cara ao futuro. Claro que está presente o ben e o mal, coma na vida mesma. O que cambia é a maneira de andar, o xeito de se mover en defensa da propia liberdade e da liberdade das outras: sororidade pura. Para crianzas que non terán prexuízos en pasar de heroes –o de sempre- a heroínas, tendo moi claro que ambos os dous son iguais ca elas e eles: persoas tratando de medrar sas, na procura da felicidade.(…)”

Pódese ver o artigo completo de Luz Darriba en Sermos Galiza no siguiente enlace:

http://www.sermosgaliza.gal/opinion/luz-darriba/cando-contos-deixan-contos-cando-contos-venhen-conto/20161012142510051892.html